Friday 17 de May de 2024

A Xunta adxudica unha parcela de 106.000 M2 e dun valor de 8,2 M€ no Polígono de Morás, en Arteixo


— A Administración autonómica e Aluman asinaron a escritura pública correspondente á asignación deste ámbito, onde a empresa construirá unha nova fábrica

— Actualmente están adxudicados máis de 666.000 m2 neste parque empresarial

A Xunta de Galicia e o Grupo Aluman asinaron esta semana as escrituras de constitución do dereito de superficie dunha parcela localizada na fase A do parque empresarial de Morás, en Arteixo. Os terreos que ocupará a empresa do sector do aluminio suman unha superficie total de 105.969 metros cadrados e teñen un valor de 8,2 millóns de euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela con representantes deste grupo empresarial, aos que lles recordou as condicións vantaxosas nas que accederán a estes terreos grazas á política de incentivos que o Goberno galego puxo en marcha en 2015.

Así, a firma disporá dunha opción de compra durante os primeiros 10 anos de vixencia do dereito de superficie, descontándose o 40% das cantidades entregadas ata o momento en concepto de canon. Ademais, en caso de comprar a parcela durante os 6 primeiros anos, aplicaráselle tamén a metade da bonificación vixente no momento da licitación.

O Grupo Aluman prevé instalar en Morás unha nova planta co obxectivo de incrementar a súa capacidade produtiva, cun investimento de 39 millóns de euros que suporá duplicar o seu cadro de persoal e crear ao redor de 900 postos de traballo indirectos.

Ao respecto, a conselleira aproveitou a xuntanza para repasar cos representantes da empresa os pasos a seguir no marco do procedemento ambiental que terá que superar como paso previo á posta en marcha das súas novas instalacións en Arteixo. Neste sentido, trasladoulles que o seu departamento axilizará o máximo posible e dentro dos prazos legalmente establecidos a tramitación das correspondentes autorizacións.

Actualmente, cómpre lembrar que no parque empresarial de Morás xa foron adxudicados máis de 666.000 metros cadrados de solo.

Ata o momento a Xunta leva investidos máis de 95,2 millóns de euros neste polígono, contando a adquisición dos terreos, as obras de urbanización e os traballos técnicos, as conexións exteriores e os accesos. Actualmente o parque ofrece 30 parcelas dispoñibles, cunha superficie total de 112.739 metros cadrados.